Monday 29 de April de 2024

A exposición “Cantámola” dá lugar a un traballo máis amplo de investigación sobre a música galega no IES Fernando Esquío


O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Neda instalaba a mostra no instituto, última parada na comarca, con motivo do programa deseñado para conmemorar o Día do Orgullo Neofalante

O Concello de Neda levaba estes días ao IES Fernando Esquío a exposición Cantámola. Unha mostra adicada á música en galego integrada por 14 paneis que amosan a nosa rica e variada oferta musical en ámbitos como as músicas urbanas, o rap, mestizaxe, experimentación electrónica, pop… e un longo etcétera. Neda convertíase así na última parada da mostra na zona, tralo seu paso por outras localidades, pero isto non significa a súa despedida definitiva, xa que a raíz dos contidos propostos, a comunidade educativa iniciaba un proxecto que levará a cabo ao longo dos próximos meses e no que participarán todos os grupos.

Traballarán sobre a base dunha unidade didáctica sobre a exposición, e de momento, nas clases de lingua e literatura galegas están a recopilar información sobre os intérpretes e grupos que protagonizan a expo. A música tamén comezou a soar nas aulas, e ata a data, a tónica é a sensación de sorpresa do alumnado ante un escenario musical que ata o dagora vían limitado a uns poucos grupos, entre eles Tanxugueiras, Milladoiro ou Guadi Galego.

A exposición forma parte da programación deseñada, con motivo do Día do Orgullo Neofalante, polo Servizo de Normalización Lingüística que o Concello de Neda comparte con Ares, Cabanas, Mugardos e Valdoviño a través da Mancomunidade